Na mañá do luns 4 de decembro o Centro Cultural Avenida acolleu a presentación en sociedade do proxecto “RUAGUA”. Este proxecto, promovido por Cetaqua coa colaboración do Consorcio de Augas de Valdeorras e Viaqua permitirá que a EDAR da Rúa actualice os seus sistemas de depuración de auga para permitir rexenerar unha parte dela e destinala a outros usos en lugar de perdela no río Sil. Trátase dun proxecto pioneiro en Galicia que permitirá que o noso Concello se convirta en modelo a seguir por outros moitos nun contexto no que o acceso á auga potable de calidade cada vez vai ser máis dificultoso.

No evento estiveron presentes Cristina Garmendia, presidenta da Fundación COTEC, que premiou este proxecto xunto a outros dous de entre un total de 162 presentados en todo o Estado e Nurettin Acar, CEO da compañía IKEA que é a empresa que aporta os fondos cos que resultou premiada RUAGUA. En total Ikea dotou a este proxecto con 300.000 € que permitirán a instalación dun novo sistema de depuración de parte das augas que saen da nosa EDAR. Esa auga rexenerada poderá ser usada para labores como regos, limpeza viaria, aplicación de fitosanitarios, extinción de incendios….

Ademais de Akar e Garmendia na Rúa estiveron tamén a presidenta de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez e o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Manuel Fernández; o director da Fundación COTEC, Jorge Barrero; así como o conxunto das alcaldías da comarca, axentes dos sectories industriais e vitivinícola do Concello, o xerente do Parque Comarcal de Bombeiros e o responsable do Distrito Forestal XIII e tamén entidades culturais e asociativas así como cidadanía a título particular.

As outras patas do proxecto consisten na reutilización dos lodos sobrantes do proceso como materia orgánica para o abonado de hortas… así como a instalación de paneis solares que permitan que todo o sistema se nutra de enerxías limpas e renovables.

O obxectivo fundamental da Fundación COTEC é mudar conciencias e evolucionar cara un mundo onde a innovación chegue a toda a sociedade. Nese sentido boa parte do proxecto está destinado a avaliar a evolución dos usos da auga de consumo por parte da cidadanía nos próximos dous anos. Nese sentido levaranse a cabo accións formativas e estudaranse os procesos de concienciación social no referido a uns usos máis responsables da auga potable.

A alcaldesa da Rúa destacou, no referido a este proxecto, que “pon á Rúa no mapa da innovación e colócanos na senda que este Concello ten marcado no referido a solucionar os graves problemas derivados da escaseza de auga presentes e futuros”.