
Forma parte da comarca de Valdeorras e está ó nordés da provincia de Ourense. O norte do concello -que hoxe suma 4.719 habitantes- atópanse as terras de maior altitude de Galicia, superando en moitos puntos os mil metros grazas á Serra dos Cabalos, á da Enciñeira da Lastra e ós Montes de Cereixido. Estes cumios impiden o paso das borrascas atlánticas, o que da paso a un clima marcado por escasas chuvias. A temperatura media na Rúa é de 15,6 graos.
A superficie do municipio suma un total de 35,99 km², limita ó noroeste co concello lugués de Quiroga, ó suroeste con Larouco, ó leste con Vilamartín de Valdeorras e ó sur co río Sil. O val formado pola conca deste río, a onde van parar as augas de numerosos regueiros que están embalsadas no encoro de San Martiño, é un fermoso espacio natural protexido e un punto de gran interese ecolóxico.
Segundo os historiadores romanos Plinio e Ptolomeo, os asentamentos humanos destas terras eran os Cigurros ou Egurros, de aí que a poboación máis antiga da comarca fose Cigurria. Por este lugar transcorre a Vía Nova, a Vía 18 do Itinerario Antonino. Unha calzada romana que unía Braga e Astorga, cruzando o río Sil pola ponte da Cigarrosa.
Outros pobos que se estableceron nestas terras foron os suevos e os visigodos. Tres acuñacións de moedas, entre os anos 603 e 631, demostran que foi unha época de desenvolvemento e riqueza. Na Idade Media A Rúa estivo baixo o dominio dos reis de Asturias, León e Galicia, sendo os condes de Lemos e de Ribadavia os últimos en ter señorío nestas terras.
Xa en 1809, tiveron lugar varios encontros entre a guerrilla e as tropas francesas. No transcurso destas batallas morreron Sancho, Capitán do Real Corpo de Artillería, e Dona María Manuela de Lunas, heroína na defensa de Zaragoza, que está enterrada na igrexa de San Esteban. Finalmente, outro feito salientable foi a chegada do tren en 1883, que marcaría boa parte da actividade socio-económica da comarca de Valdeorras no século XX.
Comments are closed.