Sesión doble do Mago Teto este domingo no C.C. Avenida

magoteto-chisteraO domingo 9 de Abril continúa a segunda edición do festival Terra Máxica con dúas actuacións do Mago Teto no Centro Cultural Avenida. Pola mañá, ás 12:00 horas, Teto exercitará as súas facultades como contacontos explicando "A incrible historia da maxia" a todo o público que queira asistir. Tratase dunha actividade gratuíta.

Xa pola tarde, a partir das 18:00 horas e co prezo habitual (4€ entrada normal e 3€ reducida) presentará o seu novo espectáculo "25 anos de Tolemaxias".

Despois de tres anos xogando con outras artes escénicas nos seus espectáculos, como a música en directo, o teatro, a danza… na Maxia da Santa Compaña e O Afiador, retorna á esencia do ilusionismo en estado puro cun espectáculo cheo de efectos novidosos tocando todas as disciplinas da maxia (dende efectos de maxia de cerca ata grandes ilusións, pasando polo mentalismo, a manipulación…) sempre acompañados de situacións absurdas e surrealistas cun toque canalla.

E esta menestra ten como obxectivo final a realización dun espectáculo entretido, divertido, estético, emotivo e, sobretodo, cheo de ilusión e de ilusións.

O debut do Mago Teto tivo lugar o Día das Letras Galegas de 1992. Nese 17 de maio subía ao escenario do seu instituto de Viana do Bolo para sorprender ós seus compañeiros. Catro anos despois, chegaría o despegue profesional co espectáculo A maxia dos soños. Desde a estrea do seu primeiro espectáculo en 1996 con tan só 19 anos, o Mago Teto converteuse nun dos ilusionistas máis veteranos e relevantes en Galicia. Habitual na televisión desde os seus comezos, goza dun gran recoñecemento por parte do público. Os seus espectáculos adáptanse a calquera tipo de espazo, da rúa ás salas, pasando por grandes teatros. No seu repertorio combínanse así espectáculos reducidos con outros de gran formato, outorgándolles aos seus trucos un amplo abano de posibilidades. Tolemaxias, Perto de ti ou O Afiador son algúns dos seus espectáculos.

A de esta fin de semana é a segunda xornada neste 2017 do festival Terra Máxica, que pechará tamén no Avenida o mago Dani García o vindeiro 23 de Abril.

Descargar PDF